EXPERIENCIAS E PROXECTOS INNOVADORES NO ENSINO DA FILOSOFÍA
FACULTADE DE FILOSOFÍA DA USC
Santiago de Compostela venres 27 e sábado 28 de novembro
Convocatoria para a presentación de experiencias
O Grupo Nexos de Didáctica da Filosofía e o Decanato da Facultade de Filosofía da USC convocan un encontro de presentación de experiencias innovadoras no ensino da Filosofía, que se desenvolverá durante a tarde do venres día 27 e o sábado día 28 do mes de novembro.
Con ese obxecto, ábrese unha convocatoria pública para a recepción de experiencias, á que se poderá presentar calquera profesor ou profesora que estea impartindo aulas nos centros de ensino da Comunidade Autónoma de Galicia.
Queda pendente de confirmación por parte da Associaçâo de Professores de Filosofia de Portugal (ApF), que sería a encargada da súa xestión, a apertura excepcional desta convocatoria a profesorado de Portugal. As experiencias portuguesas serían expostas durante as Xornadas en formato on line.
Para as persoas interesadas en participar neste encontro, quer presentando algunha experiencia quer participando como observadora, temos destinado o seguinte
Após realizaren a inscrición as persoas que presenten experiencias recibirán no seu correo as credenciais necesaria para poderen incorporar a documentación completa ao
REPOSITORIO DE NEXOS ata O XOVES 15 DE OUTUBRO,
de acordo coas seguintes condicións:
- A documentación deberá corresponder a unha experiencia de traballo na aula relacionada coa temática filosófica, adaptada a un alumnado de ESO ou Bacharelato.
- Poderanse presentar así mesmo experiencias destinadas ao alumnado de Primaria e Infantil dentro do marco da FpN.
- Concederase prioridade ás experiencias que afronten temas relacionados co actual currículo de Filosofía na ESO e no Bacharelato, mais sen excluír a priori outras que non se integren en sentido estrito nese currículo.
- As experiencias poderán ser presentadas por un só profesor ou profesora ou por un grupo.
- Asemade, poderanse presentar experiencias con carácter interdisciplinario ou transdisciplinario, con participación de profesorado non adscrito ao departamento de Filosofía.
- A documentación que se achegue deberá especificar:
- o título da experiencia,
- o nome do profesorado que o presenta, acompañado de enderezo postal ou electrónico e número telefónico de contacto,
- o número aproximado de horas de clase que precisaría o desenvolvemento práctico da experiencia,
- a metodoloxía de ensino e aprendizaxe,
- un modelo de avaliación tanto do alumnado como da propia experiencia e
- os medios requiridos para levar a cabo a súa presentación nas Xornadas.
- A exposición da experiencia dentro das Xornadas deberase concibir de tal xeito que non exceda os 40 minutos.
- Admitirase tamén a recepción de experiencias presentadas en formato póster. Os póster non implican un tempo determinado de exposición. Os póster seleccionados permanecerán expostos na entrada da Facultade e o/a responsable disporá dun tempo durante os intermedios das sesións plenarias para atender ás persoas que se acheguen a conversar sobre o seu contido.
Alternativamente, pódese enviar toda a documentación correspondente as experiencias que se presenten ao correo experiencias@nexosfilosofia.gal.
Téñase en conta que nin no Repositorio de Nexos nin a través do correo está prevista a recepción de ficheiros dixitais. Todos os que se queiran incorporar deben estar aloxados na rede e seren accesibles a través das ligazóns correspondentes.
As experiencias seleccionadas faranse públicas antes do 20 de novembro.
O equipo encargado da selección das experiencias será decidido conxuntamente pola directiva do grupo Nexos de Didáctica da Filosofía e o Decanato da Facultade.
O grupo Nexos de Didáctica da Filosofía e o Decanato da Facultade de Filosofía están en proceso de xestionar o recoñecemento por parte da Consellería de Educación da actividade de formación I Xornadas sobre Experiencias Innovadoras no ensino da Filosofía.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
