Presentación do libro “Las trampas de la pornografía” de Amada Traba, Priscila Retamozo e Chis Oliveira.

Mañá martes, día 14 de abril, ás 19:00 horas, na Aula 1 da Facultade de Filosofía, terá lugar a presentación do libro Las trampas de la pornografía (Los Libros de la Catarata, 2025), do que son autoras Amada Traba, Priscila Retamozo e Chis Oliveira. Modera a mesa: Xavier de Donato (decano da Fac. de Filosofía).

Las trampas de la pornografía é unha invitación urxente e necesaria a repensar a educación sexual que ofrecemos —ou evitamos ofrecer— a nenas, nenos e adolescentes, cando a pornografía semella terse imposto como a principal escola informal, que ensina sen explicar e educa sen que llo pregunten, nunha sexualidade xerárquica e desigual entre homes e mulleres, que obxectualiza os corpos e erotiza a dominación e a violencia. Porén, non se trata só de denunciar os efectos da pornografía ou insistir na prevención e nos riscos sexuais, senón de ofrecer ferramentas para concibir a sexualidade como un territorio de liberdade, consentimento e bo trato. Desde unha ollada feminista, crítica e inclusiva, as súas autoras afondan nas claves dunha cultura alternativa do desexo, do corpo e do pracer. Esta obra interpela as familias, o profesorado e a sociedade no seu conxunto a cuestionaren o aprendido, a revisaren os imaxinarios e os vínculos entre sexualidade, igualdade e xustiza social.

As autoras son tres voces feministas de distintas xeracións que, desde a súa traxectoria nas ciencias sociais e na coeducación, apostan por unha ollada transformadora sobre a pornografía e a educación sexual. Amada Traba é Docente de Socioloxía da Educación na Universidade de Vigo e, desde hai trinta anos, participa en numerosas actividades de divulgación, formación, investigación e asesoramento no eido da Socioloxía do Xénero. É autora, entre outros libros, de Amarte, pensar el amor en el siglo XXI, coescrito con Chis Oliveira (Los Libros de la Catarata, 2019). Priscila Retamozo é politóloga especializada en igualdade de xénero. É coordinadora do proxecto coeducativo “Comando Igualdade”. Entre outras publicacións, é autora de La revolución feminista en las aulas (Libros de la Catarata, 2022). A súa labor foi recoñecida co Premio Emilia Pardo Bazán no País das Rías na categoría de Feminismos. Pola súa banda, Chis Oliveira é catedrática de Filosofía e doutora en Educación Afectivo-Sexual, foi profesora en diferentes mestrados de xénero, presidenta da ONG Federación de Planificación Familiar de España, impulsora do “Comando Igualdade” e unha das fundadoras de Enxergo e Nexos de Didáctica da Filosofía.

A entrada é libre ata completar o espazo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.