O vindeiro martes 22 de Outubro, de 16:00 a 17:30 horas, terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía a conferencia titulada “Unha teoría feminista que desafía e nos desafía. Reflexións dende a antropoloxía”, impartida pola profesora Mari Luz Esteban Galarza (EHU/UPV)
Resumo: A teoría feminista achega claves para entender as múltiples crises que nos golpean e as condicións materiais e simbólicas que (re)producen e acrecentan as desigualdades e inxustizas sociais. As antropólogas, dende unha lectura dinámica dos corpos, as identidades, as materialidades, e os procesos de axencia e resistencia, cuestionamos diferentes esencialismos e subliñamos a idea de que o xénero, sempre en articulación con outras categorías, segue sendo unha ferramenta analítica fundamental. Nesta conferencia farase un repaso a algunhas propostas teóricas e metodolóxicas feministas que poden servirnos hoxe día para a comprensión do mundo e, sobre todo, para contribuír á súa transformación.
Mari Luz Esteban Galarza
Licenciada en Medicina pola UPV/EHU (1983) e Doutora en Antropoloxía Social pola Universitat de Barcelona (1993), foi responsable do Programa de Doutoramento en Estudos Feministas e de Xénero (2009-2023) e do Máster en Estudos Feministas e de Xénero (2008-2014).
No ámbito da investigación e as publicacións, desde 2013 dirixe o Grupo de Investigación AFIT-Antropoloxía Feminista. Dirixiu ou codirixiu 26 teses de doutoramento e participou en 15 proxectos de investigación, sendo investigadora principal en 10 deles. É autora ou coautora de 13 libros, 3 monográficos, 50 capítulos de libros e 38 artigos, ademais de ser editora de 13 libros. Entre as súas obras destacan “Antropoloxía do Corpo” e “Crítica do Pensamento Amoroso” (Edicións Bellaterra). As súas principais áreas de investigación inclúen a saúde e o xénero, o corpo e a imaxe, o amor romántico e as relacións de xénero. Os seus enfoques teórico-metodolóxicos céntranse na antropoloxía feminista, a antropoloxía do corpo e das emocións.