RANCIÈRE, JACQUES: Le maître ignorant cinq leçons sur l’émancipation intellectuelle, Librairie Arthème Fayard, 1987.
– El maestro ignorante, cinco lecciones sobre la emancipación intelectual, trad. Núria Estrach, Barcelona, Laertes, 2002.
– El maestro ignorante, cinco lecciones sobre la emancipación intelectual, trad. Claudia Fagaburu, Buenos Aires, Libros del Zorzal, 2007.
Sesión do 27 de xuño de 2018.
Comezamos con esta desconcertante curtametraxe:
Ligazón do vídeo: https://vimeo.com/246288299
Ligazón na videoteca: http://centros.edu.xunta.es/iesxulianmagarinos/videoteca?id=1335
Título => En rachâchant.
Dirección e montaxe: Danièle Huillet, Jean-Marie Straub.
Produción: Straub-Huillet, INA Films.
Guión: Danièle Huillet e Jean-Marie Straub, baseado no relato de Marguerite Duras Ah! Ernesto.
Fotografía: Henri Alekan (b/n).
Intérpretes: Olivier Straub, Nadette Thinus, Bernard Thinus, Raymond Gérard.
Ano: 1981
Duración: 7:52 m.
Adaptación dun relato de Marguerite Duras, Ah! Ernesto, escrito en 1971. A historia xira en torno á rebelión dun meniño, Ernesto, que se nega a recibir máis educación, porque na escola se empeñan en lle aprender o que non sabe. O título da curta fai referencia a un novo método para aprender o que non se sabe.
Antes de pasar a debullar as cuestións merecentes de atención que ofrece o texto, debuxamos un mapa esquemático para nos orientar no tránsito entre o tratado a propósito da Crise da Educación de Hannah Arendt e o achegado por este texto de Rancière.
- Lembramos que para Hannah Arendt a esencia da educación era a natalidade, isto é, a necesidade de nos facer cargo como sociedade da inserción das novas xeracións nun mundo vello preexistente.
Esta incorporación, segundo ela, non podía facerse de forma abrupta senón que había de se propoñer como un proceso gradual que conducise ao seu termo á emancipación, é dicir, á apropiación crítica do legado cultural e a plena incorporación dos educandos á comunidade política en calidade de cidadáns libres e iguais en dereitos, coa capacidade de participaren nas deliberacións que han sustentar o marco de decisión nun Estado democrático.
Serán a familia e a institución escolar as institucións encargadas de levar a cabo este labor. Unha tarefa que require coidado, reserva e defensa respecto do exterior, por unha banda, e achegamento, preparación e capacitación para saír ao mundo e a sociedade, por outra.
- Acordamos tamén como no seu diagnóstico da crise na educación detecta tres supostos determinantes na súa orixe:
- Existe un mundo e unha sociedade infantil autónomos que han de se entregar aos rapaces para que o habiten e gobernen, respectivamente.
- Pedagoxismo e formación universal polivalente do profesorado. Perda da autoridade científica e intelectual. Dogmática do pragmatismo.
- Substituír aprender por facer. Só se pode comprender e saber o que un mesmo teña feito.
- E finalmente reparamos en que, segundo Hannah Arendt, igualmente contraproducente para a súa finalidade emancipadora resulta proxectar a estrutura igualitaria da comunidade política ao ámbito da educación (por mor dun naturalismo sen fundamento) como, á inversa, trasladar á política as asimétricas relacións educativas baseadas na diferenza de coñecementos e de autoridade (aínda que xere conflitos a compatibilidade entre a orde e xerarquía social requirida pola produción e este igualitarismo fundacional das sociedades do benestar).
- Pois ben, segundo Rancière, carecerá de xustificación calquera demarcación e, xa que logo, un tratamento diferenciado da educación e a política.
- Por conseguinte, tanto o modelo de relación educativa debe poder irromper no ámbito das relacións sociais canto que estas últimas hanse poder transferir ao marco educativo. As únicas condicións que cómpre respectar para non se desvirtuaren a calidade democrática emancipadora de ambas as dúas en ambos os dous contextos, é tomar como punto de partida, non de chegada, o presuposto igualitario, entendido como equivalencia e totipotencia radical das intelixencias individuais, así como entender a emancipación intelectual como a nai de todas as outras.
- Da posición de Rancière derívase a resistencia a se instituír o proceso de aprendizaxe nun método e a educación emancipadora nunha escola, por unha banda, e a política nun Estado democrático, pola outra.
- Interesaranos tamén a transposición que fai Rancière da emancipación intelectual na educación e a política á estética.
Valoráronse as debilidades e fortalezas da fidelidade dos autores franceses ao pertencente ou filtrado a través do ámbito cultural da francofonía. Mais a repetición sen distanciamento interpretativo que fai de Rancière de Joseph Jacotot é desconcertante.
Jacques Rancière é profesor emérito de Estética e Política da Universidade de París VIII e da European Graduate School. Como alumno de Louis Althusser, na súa xuventude participou na redacción colectiva de Para ler O Capital, mais após maio do 68 rachou politicamente co seu mestre, a quen discutía un dos postulados básicos do marxismo: a falta de conciencia de clase na masa dos traballadores. Desde os 70 investiga sobre a emancipación no campo da política, a historia, o saber, a estética e a arte. Para el a política vén constituída por momentos de disentimento nos que a imaxinación colectiva vai máis alá do establecido. Entende a democracia como o poder de calquera. Por iso alenta a existencia dos novos movementos sociais, que se despegan de certa forma de política institucionalizada. «Quen ensina sen emancipar embrutece», dicía Joseph Jacotot a principios do XIX. Dous séculos despois, Rancière retoma a súa teoría.
Joseph Jacotot (1770-1840 é un puro produto da Revolución Francesa. A súa filosofía da educación repousa sobre el principio (postulado regulativo) da igualdade das intelixencias. Deste principio deriva dúas consecuencias. A primeira atinxe ao mestre: o mellor mestre é aquel que ignora o que hai ensinar. A segunda consecuencia concirne ao carácter antimetódico do método pedagóxico (o método do alumnado), descuberto accidentalmente en 1818 ao aprender a lingua francesa a un grupo de estudantes flamencos se coñecer el mesmo o holandés cando a Restauración dos Borbóns lle obrigou a se exiliar e traballar de lector de literatura francesa na Universidade de Lovaina.
Despregamos a seguir un repertorio de cuestións merecentes de atención. Propúxose distinguir entre a discusión das teses e contra teses en bruto de Jacotot, isto é situadas no contexto do século XVIII e trasladadas acrítica e literalmente por Rancière ao presente, e as cuestións e aporías que nos provocan e nos poden dar que pensar acerca da educación, a política e a estética na actualidade. Non meramente demorarnos na análise da viabilidade programática do exposto.
- Comezamos pola crítica (ético-política) ao VELLO, á educación non emancipadora e os seus supostos: a explicación, a autorreferencia explicadora, a hermenéutica, a comprensión sen poíesis, a irreconstruibilidade do coñecemento, a verdade como veracidade, inmanencia, o método do método. O vello, Sócrates, o construtivismo…
«Explicar algunha cousa a alguén, é primeiro demostrarlle que non pode comprendela por si mesmo»
«A explicación é o mito da pedagoxía»
«Que ves? Que pensas? Que fas?»
- Seguimos coa educación emancipadora: a igualdade das intelixencias, o individuo, a vontade e o seu círculo, a emancipación intelectual, a verdade inmanente, a institucionalización, a homeomería panecástica, a linguaxe universal, a poética universal con constrición da verdade, comprender equivale a facer algo por un mesmo. A construción do coñecemento. O contexto de xustificación e de descubrimento. A clase ao revés. Competencias e competencias básicas.
- Detivémonos na transposición do anterior ao ámbito da política: na crítica aos progresivos e reformadores. Crítica ao Estado democrático, á democracia como disrupción, á cuestión da representación política, en debate con Ernesto Laclau, á orde social, á distinción entre ser humano individual e cidadán.
- Tamén na transposición ao ámbito da estética: o espectador emancipado. A institucionalización do criterio estético. A arte como modelo emancipatorio. Educación e Política do artista. Metafísica do artista.
«A lección emancipadora do artista, oposta termo a termo á lección atontadora do profesor, é esta: cada un de nós é artista na medida en que atende a un dobre aspecto; non se limita a ser home de oficio senón que quere facer de todo traballo un medio de expresión; non se limita a experimentar senón que busca compartir. O artista ten necesidade da igualdade, así como o explicador ten necesidade da desigualdade»